No items found.
Compartir:
Facebook
|
Linkedin
|
Fotografía

Quauhnicol 16. Experiencias de infancia en México

Javier Diéguez Mosquera

Ano do proxecto: 

2021

Proxecto Integrado

Neste proxecto postfotográfico pensado para exposición, utilizo principalmente o arquivo fotográfico familiar, e escrebo a lapis baixo as imaxes para expresar os acontecementos e sensacións da miña infancia. Un traballo de memoria, de unha familia de emigrantes galegos.

Na rúa Quauhniucol 16, de México D.F.do 1974-1980, pasei os meus 6 primeiros anos de vida, o portal xá non é o mesmo; cambiárono. Meu irmán Carlos o maior, atopouno en Google Street View, aínda lembraba as rúas, cando nos viñemos el tiña 12 anos.

Lembro estar no salón xogando só, vendo a luz entrar pola xanela, sentindo o meu corpo dentro dun pixama dunha peza, con botíns que siseaban o camiñar.

Sentíame moi querido polos meus país, Avelina e Avelino. O meu pai, non paraba de nos fotografar.

Georgina cantábame a Guadalupana, cando facía os labores de casa, eu dirixíaa coas mans coma se tivese unha batuta, foi unha segunda nai, chorou tanto cando marchamos.

No patio da casa tíñamos un xardín con flores, verzas galegas enormes, e un curral con galos, galiñas e perdices, o meu pai transmitíume o seu amor pola natureza.

Decidiron que nos separaríamos, meu pai seguiría vivindo e traballando en México, e nós, nos viríamos a Galiza, para que a miña nai coidara dos meus tíos e avós.

En México tivo ate que se xubilou negocios compartidos con socios, turnábanse para traballalos, pero había veces que non vía o meu pai durante dous ou tres anos.

Meu pai tiña empregados mexicanos, como Chucho e Salomón, que en varias ocasións tiveran que protexer a meu pai. Contaba a miña nai, que sen que el o soubese, ían detrás del coas súas motos, acompañandoo ate a casa. Eles dicían: “Es carne de nuestra carne”.

Aínda hoxe a comida mexicana segue formando parte da nosa identidade familiar.

Xuntabamonos no Centro Galego, más tamén íamos comer algunha fin de semana o parque de Tres Marías, sigo gostando de todos aqueles pratos, tacos variados e mole ben picante.

Nas vacacións íamos nadar ás piscinas de Cuautla, eran medicinais, cheiraban a ovos podres.

Que ben os paseos co rítmico balance, nas barcas de Xochimilco, escoitando mariachis.

As barcas cheas de flores de moitas cores, cores que enchen o espírito.

Que felices naquelas vacacións en Acapulco, aínda que a área te queimase nos pes e aínda que caira unha treboada pola tarde.

Que agradable aquel cheiro do mar, a auga efervescente me rodea, a area invade o meu bañador, e meu pai coida de min, e non permite que o mar me arrastre.

Aqueles xogos xuntos, cos meus irmáns Carlos e Alberto, e con moitos primos que non se viñeron coma nós, e aínda viven alá.

Xogabamos no vocho, chamabamoslle “La Baticueva”, era o noso refuxio, a nosa cova, fonte de imaxinación.

Disfrazábame para ir as actividades do colexio coa miña amiga Eli, gostaba moito dela, era veciña e filla dos compadres de meus pais.

O patio era grande, e o clima case sempre nos permitía estar xogando fora.

Cando había un aniversario ou algunha outra festa, non podía faltar unha piñata, chea de sorpresas e doces, que apañabamos cando a partían e caian o chan, gostaba moito de chuchar aqueles anacos de cana de azucre.

Dentro daquela porta de ferro xogabamos a ser “El Zorro”, e marcábamos coa espada a “S” ou a “Z”, para deixar constancia da nosa presencia.

Javier Diéguez Mosquera

arriaxida@yahoo.es

Ir á portada de proxectos