No items found.
Compartir:
Facebook
|
Linkedin
|
Deseño de Interiores

Centro de interpretación da Festa do Pulpo

Teresa Rodríguez Veiga

Ano do proxecto: 

2022

Proxecto Fin de Estudos

A idea xorde de darlle a unha construción industrial obsoleta, banal e fría a priori un motivo para seguir existindo. Como combinar a súa existencia cun uso real que lle dea vida de novo e impida a súa desaparición. Con esta premisa xurdiu a idea de darlle o uso de “Centro de Interpretación da Festa do Pulpo”, festa de Interese Turístico Internacional que se celebra anualmente na vila do Carballiño. Deste xeito, ademais de poñer en valor un ben inmaterial como é este evento, amosarase o conxunto de bens físicos relacionados con ela (dispersos pero homoxéneos) ao tempo que terá a función de preparar, dende o punto de vista organizativo, as visitas turísticas.

O obxectivo é crear un espazo onde os asistentes poidan informarse en profundidade sobre a festa; pero non só iso, o futuro “Centro de Interpretación da Festa do Pulpo” concíbese como algo máis dinámico, algo que, como a propia festa, inclúan ese movemento continuo de persoas e casa de reunións.

Así, no seu interior, grazas a un uso racional do espazo dispoñible e do seu mobiliario, crearase unha zona polivalente na que o uso expositivo se converta nun centro de encontro da asociación de pulpeiros/as, nunha sala de charlas, proxeccións ou eventos análogos.

O edificio non se entende coma un elemento pechado e simplemente expositivo, senón que, un espazo de relación coa súa contorna, participando na pequena carballeira situada na parcela ao tempo que ofrece o servizo de cafetería. En todo caso, o deseño proposto permite disociar este último para poder utilizarse en horarios diferentes á zona expositiva, o que permite organizar outros eventos como concertos nocturnos.

Trátase de crear unha experiencia completa, unha pequena festa popular sen data prefixada, aproveitando todo o que ofrece a trama, dende a edificación ata as árbores, eses elementos naturais milenarios sosegados que a acompañan durante tantos anos.

Ir á portada de proxectos