No items found.
Compartir:
Facebook
|
Linkedin
|
Fotografía

Esencia

Antía Álvarez González

Ano do proxecto: 

2020

Cando falece un ser que queremos sentimos unha grande dor e con ela atravesamos un proceso natural da vida, o duelo, un sentimento que mestura a vida coa morte.

A perda produce un conflito interno que todo ser humano afronta algunha vez, provocando un impacto importante en todas as áreas da súa vida, resultado da esencia do ser amado que xa non está e que perdura no tempo.

En parte, ao quedarnos abatidos, algo dentro de nós morre tamén. Os recordos persisten nos espazos ou impregnan os obxectos, que a miúdo ou co tempo, vanse esquecendo e desaparecendo, quedando soamente na memoria o recordo e á ausencia.

En moitas ocasións e no meu caso en particular, onde había vida, agora só hai deterioro e esquecemento.

“Resentir” é un proxecto baseado na memoria da miña avoa materna Dosinda. Ela era unha segunda nai para min e cando falece unha grande dor alaga o meu corazón e descubro sensacións novas que antes nunca sentira, pero o que máis me preocupa, é chegar a pensar que nalgún momento poida esquecerme dela.

Ao principio resultábame moi difícil o simple feito de pensar que nunca máis volvería vela, o único que me queda é o seu recordo que, aos poucos, co paso do tempo, vaise perdendo e a dor vaise superando. Pero os sentimentos que seguen dentro de min remóvense con forza cada vez que regreso a este espazo.

Custoume moito volver a primeira vez, pero hoxe en día non quero que desapareza, xa que a esencia da miña avoa segue perdurando nel.

Pretendo plasmalo atravesando as habitacións desta casa onde xurdía o cotián da vida, o noso día a día, mediante fotografías construídas ao situar obxectos neses espazos co meu ritual persoal, o percorrido que sempre sigo cando volvo, parándome cando un recordo aflora, xa sexa por un feixe de luz, un obxecto ou unha sombra.

Antía Álvarez González
anty_04_@hotmail.com
616 518 140

Ir á portada de proxectos