search


Jorge Campos

ilustratecto_01

ilustratecto_02

ilustratecto_03

Jorge Campos, o Ilustratecto
Por Alicia Blanco, ilustradora

Jorge Campos naceu en Ourense en 1982 e creceu entre o calorciño das Burgas e a maxia da Ribeira Sacra. Tras acabar arquitectura na Universidade da Coruña, volveu a Ourense onde fixo ilustración na Escola de Arte Antonio Faílde, converténdose deste xeito, segundo as súas propias palabras, en ilustratecto.
O gusto pola ilustración, especialmente o seu interese polo cómic, foi desenrolando nel unha grande habilidade narrativa. Gústalle xogar coa orde e o ritmo e propoñer distintas posibilidades de lectura nas súas narracións, apostando por formatos innovadores e experimentando coas distintas opcións que pode tomar unha mesma historia de ir cambiando as situacións que nela se van desenvolvendo, coma se fora unha búsqueda interna cara o descubrimento da súa propia personalidade.
Nas súas obras destaca sempre unha coidada ambientación, abundando as escenas exteriores que se desenrolan en illas do máis aloucado, planetas extraordinarios ou territorios maias. De maneira case máxica, un síntese atraído por eses lugares, experimentándoos coma un viaxeiro que aterra alí en cada viñeta, en cada momento, en cada imaxe.
O seu afán por crear personaxes, lugares e historias venlle xa desde cativo. Con eles foi moldeando a súa personalidade artística e con algún leva convivindo xa máis de media vida. Os seus individuos resultan entrañables, reflexo do tema que se trata, e moitas veces prescinden de palabras para lograr expresarse e transmitir as súas emocións. Amosan sensibilidade, tenrura, realidade, achegando ó lector á historia e unindo cun fío de seda invisible ideas e sentimentos.
No seu traballo predominan os estados de ánimo e a temática existencial, a búsqueda dun mesmo mediante a aventura e a sensibilidade, tanto do tema a tratar coma da relación entre este e o futuro receptor da mensaxe. Os seus debuxos están impregnados de asociacións e detalles, de significados ocultos, facendo da lectura das imaxes un divertido xogo entre o dinamismo e o misterio que se descobre pacientemente entre liñas.
Coa súa cabeza en constante proceso de creación, as ideas aparecen nos seus cadernos de bocetos coma unha verdadeira luminiscencia en momentos de escuridade creativa, coma o canto dun galo que anuncia a chegada do agardado sol.