search


O Muiño Amarelo.

000 fachada

O Muiño Amarelo.
Teresa Rodríguez Veiga. 2011.

Proxecto de adaptación a uso hostaleiro de construción tradicional en estado ruinoso (muíño) situado nas ribeiras do río Arnoia.

O muíño na sociedade galega sempre foi unha peza importante, non só para a economía, senón tamén porque actuaba como foco das relacións sociais. Continuando con este fío de pensamento, nace a proposta de rehabilitar o patrimonio e revalorizalo transformándoo nun local destinado a café-bar. Esa función social de reunión e ocio conxunto que se establece hoxe en día neste tipo de locais, vese como a máis axeitada tamén para o muíño en cuestión. A construción elixida presenta unhas características de situación e construtivas que a fan única; por un lado parte queda parcialmente soterrado na aba onde se sitúa, pero onde reside parte do seu encanto é no enxeño mecánico que alberga. Este baséase na utilización de voluminosas engrenaxes que conseguen, cun só rodicio, transmitir a forza motora dende o seu eixe ata as 3 moas do piso superior.

O proxecto baséase en desenvolver nun volume o suficientemente contundente e definido ao que, como deseñador, se lle intentará dar unha nova perspectiva sen actuar radicalmente sobre el, xa que persoalmente considérase que as súas calidades estéticas merecen ser conservadas, así como tamén as relacións deste co ámbito natural. Para logralo: materiais, xogo de alturas entre plantas e aberturas que permiten a dispersión da luz. En canto á distribución, esta xira en torno á canle que preestablece as zonas a crear e que será a “columna vertebral” de conexións tanto visuais como reais xa que aquí se sitúan as escaleiras (3 tramos dende onde se contempla de preto o tren de engrenaxes e o paso da auga). É así como se crean un total de 4 plantas: planta baixa de dobre altura onde toman protagonismo as barras remarcando os espazos e un estreito oco que aúna plantas protexido por unha mampara decorada con ilustracións dos compoñentes dun muíño (función práctica+pedagóxica+decorativa); Entreplanta, como acolledor lugar de tapeo; planta Soto, onde se sitúan os servizos (cociña, aseos, almacén, …) e planta Alta como improvisado museo dos elementos da moenda (moas, moegas, burros, etc.) e chill-out luminoso.
En todo iso a relación entre o muíño e a auga que o atravesa é fundamental; ademais de permitir que a natureza participe do interior da construción, o fluír da auga da canle vincúlase coas relacións que hai entre as distintas plantas; o fluír das persoas que percorren libremente gozando e facendo seu cada recanto dun muíño que revive volvendo restaurar a súa valía social.