search


Traballo fin de estudos

ORDE do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Deseño en desenvolvemento do Decreto 172/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.
(…)

CAPÍTULO III
Matrícula, promoción e permanencia

Artigo 10. Matrícula
(…)
6. O alumnado matricularase no Traballo Fin de Estudos (TFE) ao comezo do ano académico correspondente, e disporá de dúas convocatorias, ordinaria e extraordinaria respectivamente, para a superación desta disciplina. A avaliación e cualificación correspondente á convocatoria ordinaria realizarase ao remate do segundo cuadrimestre de cada ano académico, e a correspondente á convocatoria extraordinaria realizarase no mes de xullo. De ser o caso, o alumnado que non supere ou non presente o traballo fin de estudos (TFE) no curso escolar en que finaliza os estudos, terá dereito a utilizar as convocatorias correspondentes durante o primeiro cuadrimestre do seguinte ano académico.
7. Excepcionalmente, o/a xefe/a de estudos do centro poderá autorizar a matrícula no traballo fin de estudos (TFE) ao alumnado con disciplinas pendentes, agás que as disciplinas pendentes pertenzan á materia de Proxectos de Deseño Gráfico, Proxectos de Deseño de Interiores, Proxectos de Deseño de Moda e Indumentaria e Proxectos de Produtos e de Sistemas, e sempre que a suma dos créditos asociados a estas non sexa superior a 18.

(…)

CAPÍTULO VIII
Traballo de fin de estudos (TFE)

Artigo 35. Aspectos xerais do TFE
1. O alumnado do TFE deberá propoñerlle ao departamento da familia profesional correspondente que estea cursando, nos prazos que para cada curso escolar se determinen desde a Área de Formación da escola, e achegando a documentación necesaria, o traballo ou tema concreto que pretende desenvolver. O departamento, vistas as propostas do alumnado, proporá a xefatura de estudos a asignación de titor/a, e determinará a idoneidade do proxecto presentado en función dos requisitos exixibles. De non considerarse idónea a proposta formulada, o/a alumno/a deberá aceptar os cambios propostos polo/a titor/a, ou formular unha nova proposta, no prazo sinalado polo departamento.
2. Durante a realización do TFE, o alumnado poderá dispoñer dos espazos, instalacións e medios precisos existentes no centro, coa tutela do/da docente que exerza a función de titor/a, e en horario e calendario que a xefatura de estudos determine.
3. Como parte integrante do TFE, o alumnado presentará unha memoria xustificativa do traballo realizado, que deberá conter un resumo desta nun idioma estranxeiro.
4. A presentación e defensa do TFE poderá ser recollido en soporte dixital. En calquera caso, as gravacións obtidas quedarán perfectamente identificadas, catalogadas e arquivadas para os efectos de atender calquera reclamación.

Artigo 36. Desenvolvemento do TFE
1. O TFE consistirá no desenvolvemento completo dun proxecto orixinal e inédito da especialidade das ensinanzas superiores de Deseño correspondente, coa execución material daquelas partes del que o tribunal encargado da súa organización, desenvolvemento e avaliación determine, cos condicionantes previos, de información, de redacción, de execución e de viabilidade técnica e económica o máis semellantes posible ás do ámbito laboral, social, económico, cultural e produtivo real.
2. O tribunal encargado da organización, desenvolvemento e avaliación do TFE, atendendo ás instrucións ao respecto acordadas polo departamento da familia profesional da especialidade correspondente informará por escrito ao alumnado das partes que integran o TFE, especificando a documentación que forma parte de cada unha delas, sexan documentos gráficos, dixitais, desenvolvementos volumétricos dixitais ou reais, e o tipo de soporte en que deban ser presentados e o seu formato, incluída a memoria xustificativa sinalada no artigo 35.3 desta orde, e do calendario, horario e forma de entrega do TFE.
3. O alumnado do TFE deberá expoñer o seu TFE perante o tribunal en sesión pública, durante un máximo de vinte minutos, utilizando para iso os medios que xulgue oportunos, e o tribunal poderá formularlle ao alumnado preguntas ou solicitar aclaracións sobre o seu TFE durante un tempo máximo de dez minutos.
4. A avaliación do TFE consistirá na constatación dos coñecementos que o alumnado amose dos contidos propios da especialidade, e da valoración do nivel acadado nas de competencias transversais, xerais e específicas establecidas para esta disciplina no anexo I do Decreto 172/2015, do 29 de outubro.

Artigo 37. Organización, supervisión, tutela e cualificación
1. Para a organización, avaliación e cualificación do TFE, constituirase un tribunal integrado, preferentemente, por docentes da especialidade correspondente, nomeado pola dirección do centro, por proposta da xefatura de estudos deste, que estará integrado, cando menos, por un/unha presidente/a, un/ha secretario/a e un/ha vogal. Así mesmo, a dirección do centro nomeará un tribunal suplente. Sempre que a dispoñibilidade do profesorado do centro o permita, os/as docentes que desempeñen a tutela do alumnado no TFE non poderán formar parte do tribunal cualificador deste.
2. A Área de Formación da escola establecerá, no capítulo III do Plan anual, os criterios para o desenvolvemento do TFE en cada curso escolar, que se integrará no Plan anual, e que conterá, cando menos, os seguintes aspectos:
a) Prazo/s, condicións e documentación precisa para a presentación e defensa das propostas de traballo por parte do alumnado, calendario e horario de defensa das propostas.
b) Asignación de titor/a do TFE a cada alumno/a, e horario semanal de atención por parte do/da titor/a, segundo dispoñibilidade do profesorado.
c) Calendario de realización, prazo e forma de entrega do TFE, calendario e horario de exposición e defensa destes.
3. O alumnado do TFE contará coa tutela dun/dunha profesor/a da especialidade durante catro horas á semana durante o cuadrimestre correspondente, en horario que será determinado pola xefatura de estudos, oído o equipo docente da especialidade e en función das súas necesidades de organización xeral.
4. Previamente, en data que determine o tribunal cualificador do TFE, os/as titores/as do alumnado que presente o TFE para a súa avaliación e cualificación, deberán achegar informe individualizado para cada alumno/a tutelado/a, en relación co da tutela realizada, con indicación da asistencia do/da alumno/a aos horarios de tutela establecidos, grao do seguimento das indicacións dadas e cantas outras circunstancias consideren significativas ou relevantes para a correcta avaliación do TFE.
5. A cualificación do TFE será a media aritmética das cualificacións emitidas polos/as integrantes do tribunal presentes na sesión de cualificación. Cando entre as puntuacións outorgadas exista unha diferenza de tres ou máis enteiros, serán automaticamente excluídas as cualificacións máxima e mínima e calcularase a puntuación media entre as cualificacións restantes. No caso de empate entre cualificacións máximas ou mínimas, unicamente será excluída unha delas.
6. A cualificación no TFE expresarase en termos numéricos segundo a escala de 0 a 10 cun decimal. No caso de que a cualificación obtida polo alumnado resulte con máis de dous decimais, redondearase aos dous decimais por exceso. Á cualificación numérica engadiráselle a cualificación cualitativa segundo a relación establecida no artigo 31.1 desta orde. Consideraranse positivas as cualificacións iguais ou superiores a cinco e negativas as restantes. A acta incluirá un informe do tribunal elaborado para tales efectos.