search


Probas de acceso Ens. Sup. Deseño

ORDE do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Deseño en desenvolvemento do Decreto 172/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.

(…)

Artigo 4. Proba específica de acceso
1. A proba específica de acceso ás ensinanzas superiores de Deseño terá por obxecto demostrar que o/a aspirante posúe a madureza, os coñecementos e as aptitudes para cursar con aproveitamento estes estudos.
2. A proba específica de acceso será única para as diferentes especialidades destas ensinanzas, e terá carácter unificado para todos/as os/as aspirantes.
3. Poderá acceder ás ensinanzas superiores de Deseño sen necesidade de realizar a proba específica de acceso quen estea en posesión dun título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño. Correspóndelle á dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores establecer a porcentaxe de prazas sobre o total das ofertadas en cada especialidade das ensinanzas superiores de Deseño que se reservarán para esta modalidade de acceso, así como os criterios de prelación na súa asignación.
4. A superación da proba específica de acceso ás ensinanzas superiores de Deseño faculta, unicamente, para matricularse no ano académico para o que a proba específica fose convocada e realizada, en calquera dos centros do Estado en que se cursen estas ensinanzas, sen prexuízo da dispoñibilidade de prazas.
5. O resultado da avaliación da proba específica de acceso ás ensinanzas superiores de Deseño expresarase en termos numéricos nunha escala do 0 ao 10, con dous decimais, resultado da media aritmética das cualificacións emitidas polos membros do tribunal correspondente. Considerarase a proba como superada para as cualificacións iguais ou superiores a cinco.

Artigo 5. Características da proba específica de acceso
1. A proba específica de acceso ás ensinanzas superiores en Deseño constará de dúas partes:
a) Primeira parte:
Durante un máximo de dúas horas, a partir dun texto, imaxe e/ou material audiovisual proporcionado polo tribunal, os/as aspirantes deberán facer por escrito un comentario crítico e razoado e responder á/s cuestión/s que o tribunal lles formule ao respecto.
Nesta parte da proba, o tribunal valorará:
– A comprensión dos conceptos, a utilización da linguaxe, a capacidade de análise e síntese e o nivel expresivo e expositivo amosados.
– A capacidade para desenvolver razoadamente ideas e argumentos.
– O coñecemento dos valores significativos do deseño en xeral no contexto histórico, cultural e socioeconómico.
– A identificación e valoración dos movementos artísticos e intelectuais máis representativos en relación co deseño.
b) Segunda parte. Os/as aspirantes realizarán dous exercicios de debuxo durante un máximo de catro horas:
– 1º exercicio: debuxo mimético a man alzada, do natural ou a partir da documentación facilitada, dun modelo proposto polo tribunal, realizado a lapis de grafito sobre papel tamaño DIN A3.
– 2º exercicio: debuxo a man alzada, utilizando os sistemas e técnicas de representación máis apropiadas, que serán definidos polo tribunal, do modelo do exercicio anterior.
Nesta parte da proba o tribunal valorará a fidelidade representativa, os coñecementos amosados e a exactitude e limpeza da execución.
2. Cualificación da proba específica de acceso. Cada unha das partes da proba cualificaranse nunha escala de 0 a 10, con dous decimais.
A cualificación final da proba específica de acceso será o resultado da media aritmética das cualificacións obtidas polo/a aspirante en cada unha das súas partes, expresada con dous decimais. Considerarase superada a proba a partir da cualificación de 5,00 (cinco).

Artigo 6. Proba que substitúe o requisito de titulación
1. As persoas que queiran optar á proba de acceso e que, sendo maiores de dezaoito anos non cumpran os requisitos xerais de titulación, deberán acreditar que posúen os coñecementos, habilidades e aptitudes necesarios para cursar con aproveitamento as correspondentes
ensinanzas mediante a realización dunha proba. A superación da dita proba, que substitúe o requisito de titulación, terá validez permanente para o acceso ás ensinanzas superiores de Deseño en todo o Estado.
2. O resultado da avaliación da proba a que se refire o punto anterior expresarase en termos de apto/a ou non apto/a.
3. A superación da dita proba será condición indispensable para concorrer á proba específica de acceso sinalada no artigo 4.
4. A dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores determinará a estrutura e contidos da probas que substitúe o requisito de titulación.

Artigo 7. Convocatoria das probas de acceso
1. A dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores convocará, cando menos unha vez ao ano, a proba específica e a proba de acceso que substitúe o requisito de titulación.
2. A proba ordinaria realizarase nos meses de xuño e/ou xullo, e a extraordinaria, de ser o caso, no mes de setembro.
3. Para a organización, realización, avaliación e cualificación da proba específica de acceso, tanto para os centros sostidos con fondos públicos como para os centros privados autorizados, constituirase un tribunal nomeado pola dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores, integrado, cando menos, por cinco membros, en número impar en calquera caso, dos corpos de catedráticos/as, profesores/as ou mestres/as de taller de artes plásticas e deseño, con destino nas escolas de arte e superiores de deseño da Comunidade Autónoma de Galicia, e de entre os seus membros un/unha presidente/a e un/unha secretario/a.