search


FAQS Ensinanzas Superiores de Deseño

EASD_Web_171122.41

MATRÍCULA, PERMANENCIA E PROMOCIÓN

Cal é o prazo de matriculación?
A matrícula de novo alumnado realízase nos prazos estipulados na instrucións de acceso e admisión correspondente a cada curso académico. Habitualmente realízase na segunda quincena de xullo e, caso houber adxudicación extraordinaria de prazas, na primeira semana de setembro.
A matrícula para antigo alumnado será na primeira primeira quincena de xullo.

Unha vez iniciado o curso, podo desmatricularme dunha asignatura?
Non. Poderás renunciar á matricula unicamente da totalidade das disciplinas en que se atopes matriculado, o que implica a perda de condición de alumno/a e, en caso de querer volver matricularte, someterte a unhas novas probas de acceso. O procedente é que solicites a anulación de convocatoria desa asignatura.

De cantas asignaturas ou créditos ECTS podo matricularme?
A matrícula no primeiro curso é de curso completo. Excepcionalmente, a dirección do centro poderá autorizarte a matrícula para o primeiro curso dun mínimo de 30 créditos ECTS, sempre por causas xustificadas como compatibilidade laboral, enfermidade grave, conciliación familiar ou outras análogas.
Para o segundo, terceiro e cuarto curso das ensinanzas superiores de Deseño, poderás formalizar a matrícula, sempre cun mínimo de 30 créditos ECTS, ata un máximo de 75. Para estes efectos, non se terán en conta os créditos das disciplinas en que teñas solicitado o recoñecemento de créditos.

De que asignaturas debo matricularme?
Deberás matricularte, obrigatoriamente, naquelas disciplinas que teñan o carácter de formación básica, e naquelas disciplinas que non teñas superadas, de ser o caso, no curso académico anterior.

Cantos anos podo permanecer nas Ensinanzas Superiores de Deseño?
Non poderás realizar matrícula na mesma especialidade durante máis de oito anos académicos. Para estes efectos computaranse todos os anos académicos en que teñas realizado matrícula, con independencia da eventual renuncia a esta, do número de disciplinas en que te teña matriculado e do número de créditos ECTS asociados a estas.

Podo cursar 1º curso nunha especialidade e cambiar a outra nos seguintes cursos?
Depende. O primeiro curso é común ás catro especialidades de deseño (Gráfico, Interiores, Produto e Moda) agás unha disciplina obrigatoria de especialidade. Unha vez rematado o curso, podes solicitar o cambio de especialidade ou o traslado de matrícula a outra EASD. A aceptación deste cambio está supeditado a existencia de vacantes na nova especialidade. En caso de ter asignaturas pendentes de 1º curso, os créditos destas non deben superar os correspondentes aos das disciplinas matriculadas nos cursos seguintes. É dicir, para cambiar de especialidade, debes promocionar de curso (alumno/a de 2º con pendentes de 1º), en caso contrario deberás presentarte a unhas novas probas de acceso ou continuar na especialidade actual.

.
BECAS
Como solicito unha beca?
A Beca tes que tramitala directamente desde a páxina web do Ministerio de Educación. No momento de facer a matrícula, deberás indicar se a solicitaches, e unha vez que saia a resolución coa concesión ou denegación, deberás informar á Secretaría da Escola. Debes ler con atención a normativa relativa ás Becas, é a túa responsabilidade; prazos de tramitación, requisitos académicos respecto ao número mínimo de créditos nos que debes estar matriculado/a, se son computables os créditos das disciplinas recoñecidas ou convalidadas, etc…

.
CONVOCATORIAS DE AVALIACIÓN

De cantas convocatorias dispoño para superar as disciplinas?
Disporás de 4 convocatorias, agás nas disciplinas de prácticas externas (PE) e no traballo fin de estudos (TFE), nas cales soamente disporás de 2 convocatorias. A non presentación implica o consumo de convocatoria.

Como podo anular unha convocatoria?
Poderás solicitar a anulación dunha convocatoria nunha ou varias disciplinas por causa xustificada e acreditada documentalmente, mediante escrito dirixido á dirección do centro, ata 10 días lectivos antes da sesión de avaliación correspondente á convocatoria, sen que entre as ditas causas poida figurar a falta de rendemento académico. A dirección do centro, logo do informe da xefatura de estudos, resolverá o que proceda, nos 5 días lectivos seguintes ao da presentación da solicitude.
A presentación dunha solicitude de anulación de convocatoria fóra do prazo establecido no parágrafo anterior só poderá ser admitida por causa de accidente ou enfermidade do/da solicitante, ou causa de forza maior, que será, en calquera caso, xustificada documentalmente, e valorada pola dirección do centro.

Que ocorre se consumín todas as convocatorias sen superar a disciplina?
Poderás solicitar por escrito, ante a dirección do centro, unha convocatoria adicional, de carácter extraordinario, por circunstancias especiais que deberás alegar e xustificar documentalmente, sen que poidas alegar como circunstancia especial a falta de rendemento académico. A presentación da solicitude deberá ser nos 5 días lectivos seguintes á data de comunicación da cualificación da derradeira convocatoria. A dirección do centro resolverá nun prazo non superior a 10 días hábiles e deberás facer uso dela na convocatoria inmediatamente seguinte á data en que a solicitaches.

.
TFE E PRÁCTICAS EXTERNAS

Podo matricularme das Prácticas Externas (PE) se teño disciplinas pendentes?
Si. Excepcionalmente, a xefa de estudos poderá autorizarche a realización das PE sempre que a suma dos créditos asociados a estas non sexa superior a 18.

Podo matricularme do Traballo fin de estudos (TFE) se teño disciplinas pendentes?
Sí. Excepcionalmente, a xefa de estudos poderá autorizarche a matrícula no TFE agás que as disciplinas pendentes pertenzan á materia de Proxectos de Deseño Gráfico ou Proxectos de Deseño de Interiores, e sempre que a suma dos créditos asociados a estas non sexa superior a 18.

Cando son as convocatorias do TFE?
A convocatoria ordinaria do TFE é en xuño e a extraordinaria en xullo pero se non consumiches algunha delas, poderás utilizar unha convocatoria en febreiro no seguinte curso académico, ainda que deberás matricularte novamente do TFE.

.
RECOÑECEMENTO DE CRÉDITOS ECTS

Cando se solicitan e se resolven os recoñecementos de créditos ECTS?
No momento da matrícula deberás cubrir un impreso de solicitude de recoñecemento de créditos. A dirección do centro remitirá á Subdirección Xeral de Ensinanzas de Réxime Especial,no prazo que esta lle indique, as solicitudes e os informes do departamento de familia profesional correspondente. A subdirección xeral resolverá no prazo máximo de 3 meses desde que reciba a documentación.

Podo solicitar recoñecemento de créditos ECTS por experiencia laboral previa?
Si. Poderán serche recoñecidos, total ou parcialmente, créditos ECTS asociados á disciplina de Prácticas Externas pola experiencia laboral ou profesional acreditada, sempre que éstas teñan relación directa coas competencias inherentes ao título. No caso do recoñecemento parcial dos créditos ECTS asociados ás Prácticas Externas, deberás cursar esta disciplina realizando as horas que correspondan, a razón de 25 horas por cada crédito ECTS non recoñecido.

.
ASISTENCIA

Que ocorre se teño faltas de asistencia ás clases?
As EESSD son estudos presenciais, polo que a asistencia é obrigatoria e a avaliación, contínua. O profesorado indicará na programación didáctica de cada disciplina os efectos que a non asistencia terá na avaliación das mesmas, así como os sistemas que se van utilizar para o control das faltas.

É obrigatoria a asistencia ás actividades complementarias á formación (ACF)?
Si, aquelas ACFs (conferencias, talleres, exposicións, etc…) programadas en horario lectivo, tanto dentro como fóra da escola. e que non repercutan económicamente no alumnado. A non conparecencia ás mesmas deberán ser anotadas polo profesorado como faltas de asistencia. As que se desenvolvan fóra do horario lectivo e/ou supoñan custe económico para o alumnado serán opcionais.

.
MÁIS INFORMACIÓN
BOE_GRAO_DESEÑO-RD633-2010
BOE_Real_Decreto_Título Superior EEAASS_2014
BOE_Real_Decreto 21/2015 Ordenación EEAASS
DOG_Decreto Plan Estudos_ESD.2015
DOG_Orde_ESD_21nov.2016
Resumo normativa EEAASSD