search


Mobilidade académica

ORDE do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Deseño en desenvolvemento do Decreto 172/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 23. Mobilidade académica no Espazo Europeo da Educación Superior
1. Os traslados de expediente do alumnado que cursa as ensinanzas superiores de Deseño nun centro oficial dependente doutra Administración educativa do Estado español ou nun centro oficial de ensinanzas artísticas superiores integrado no Espazo Europeo da Educación Superior estarán suxeitos á existencia de prazas vacantes no centro de destino.
A xunta da escola de cada centro será competente para resolver a súa admisión de acordo cos criterios que esta estableza, e estarán suxeitos ao proceso de recoñecemento de créditos ECTS, establecidos no capítulo IV desta orde.
2. A solicitude de traslado de expediente presentarase por escrito, segundo o modelo que se estableza para tal fin, dirixida á dirección do centro de acollida, antes dos quince días naturais anteriores ao sinalado como comezo do curso segundo o calendario escolar, achegando para iso certificación académica dos estudos cursados en que conste a norma que establece o plan de estudos cursado e as cualificacións obtidas, en idioma castelán.
3. No caso de que o traslado de expediente se produza unha vez iniciado o curso académico, será competencia da dirección do centro a valoración e admisión da solicitude.
O/a interesado/a deberá achegar informe completo das súas cualificacións ata o momento do traslado.
4. No caso de alumnado que supere estudos parciais como resultado da súa participación nun programa de intercambio, o recoñecemento dos estudos cursados no país de destino por créditos ECTS corresponderalle á dirección do centro en que estea matriculado, ao abeiro do acordo establecido previamente entre os dous centros no marco da normativa europea de educación superior.