search


Matrícula e permanencia nas EESS de Deseño

ORDE do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Deseño en desenvolvemento do Decreto 172/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.

CAPÍTULO III
Matrícula, promoción e permanencia

Artigo 10. Matrícula
1. O alumnado soamente poderá realizar matrícula con carácter presencial nas ensinanzas superiores de Deseño, en calquera das súas especialidades.
2. A matrícula no primeiro curso das ensinanzas superiores de Deseño será de curso completo. Excepcionalmente, a dirección do centro poderá autorizar a matrícula para o primeiro curso dun mínimo de trinta créditos ECTS, sempre por causas xustificadas como compatibilidade laboral, enfermidade grave, conciliación familiar ou outras análogas.
3. Para o segundo, terceiro e cuarto curso das ensinanzas superiores de Deseño, o alumnado poderá formalizar a matrícula, sempre cun mínimo de trinta créditos ECTS, ata un máximo de setenta e cinco. Para estes efectos, non se terán en conta os créditos das disciplinas en que o alumnado teña solicitado o recoñecemento de créditos.
4. O alumnado deberá matricularse, obrigatoriamente, naquelas disciplinas que teñan o carácter de formación básica, e naquelas disciplinas que non teñan superadas, de ser o caso, no curso académico anterior, sen prexuízo do cumprimento dos criterios de promoción establecidos nesta orde.
5. O alumnado matricularase nas prácticas externas (PE) ao comezo do ano académico correspondente, e disporá de dúas convocatorias, ordinaria e extraordinaria, respectivamente, para a superación desta disciplina. Excepcionalmente, o/a xefe/a de estudos do centro poderá autorizar a realización das PE ao alumnado con disciplinas pendentes, sempre que a suma dos créditos asociados a estas non sexa superior a 18.
6. O alumnado matricularase no Traballo Fin de Estudos (TFE) ao comezo do ano académico correspondente, e disporá de dúas convocatorias, ordinaria e extraordinaria respectivamente, para a superación desta disciplina. A avaliación e cualificación correspondente á convocatoria ordinaria realizarase ao remate do segundo cuadrimestre de cada ano académico, e a correspondente á convocatoria extraordinaria realizarase no mes de xullo. De ser o caso, o alumnado que non supere ou non presente o traballo fin de estudos (TFE) no curso escolar en que finaliza os estudos, terá dereito a utilizar as convocatorias correspondentes durante o primeiro cuadrimestre do seguinte ano académico.
7. Excepcionalmente, o/a xefe/a de estudos do centro poderá autorizar a matrícula no traballo fin de estudos (TFE) ao alumnado con disciplinas pendentes, agás que as disciplinas pendentes pertenzan á materia de Proxectos de Deseño Gráfico, Proxectos de Deseño de Interiores, Proxectos de Deseño de Moda e Indumentaria e Proxectos de Produtos e de Sistemas, e sempre que a suma dos créditos asociados a estas non sexa superior a 18.

Artigo 11. Renuncia de matrícula
1. O alumnado das ensinanzas superiores de Deseño poderá renunciar á matricula unicamente da totalidade das disciplinas en que se atope matriculado. A dita renuncia realizarase por escrito dirixida á dirección do centro e presentada con rexistro de entrada na secretaría deste, e suporá a perda da condición de alumno/a do dito centro a partir do día seguinte da súa presentación.
2. A perda da condición de alumno/a por renuncia á totalidade da matrícula implicará a perda da praza obtida no centro, e deberá concorrer a un novo proceso de admisión para continuar os seus estudos no mesmo ou diferente centro da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. A perda da condición de alumno/a do centro pola renuncia á matrícula na totalidade das disciplinas en que se atope matriculado/a non implicará a devolución dos prezos públicos aboados.

Artigo 12. Promoción
1. O alumnado das ensinanzas superiores de Deseño disporá, con carácter xeral, de catro convocatorias para a superación das diferentes disciplinas integradas nestes estudos, agás nas disciplinas de prácticas externas (PE) e no traballo fin de estudos (TFE), nas cales soamente disporá de dúas convocatorias.
2. As convocatorias establecidas no número anterior computaranse de xeito sucesivo e entenderanse esgotadas tanto no caso de que o alumnado non supere a disciplina como no caso de que non se presente ás probas programadas para a dita convocatoria.
3. O alumnado que esgotase as convocatorias establecidas no número anterior, sen superar a disciplina correspondente, poderá solicitar por escrito, ante a dirección do centro no que estea matriculado, unha convocatoria adicional, de carácter extraordinario, por circunstancias especiais que deberá alegar e xustificar documentalmente, sen que se poida alegar como circunstancia especial a falta de rendemento académico.
4. O prazo para a presentación da solicitude sinalada no número anterior abranguerá os cinco días lectivos seguintes á data de comunicación da cualificación da derradeira convocatoria.
5. A dirección do centro, unha vez recibida a solicitude de convocatoria sinalada no número anterior, poderá solicitar un informe da xefatura do departamento da especialidade correspondente, en que consten cantas circunstancias se consideren relevantes para a resolución da solicitude, sen que entre estas poida figurar a falta de rendemento académico do/a alumno/a solicitante. Resolverá nun prazo non superior a dez días hábiles.
6. O alumnado que obteña autorización dunha convocatoria adicional deberá facer uso dela na convocatoria inmediatamente seguinte á data en que fose concedida, sen prexuízo da solicitude da anulación de convocatoria establecida na presente orde, da que o alumnado poida facer uso.
7. O alumnado poderá solicitar a anulación dunha convocatoria nunha ou varias disciplinas por causa xustificada e acreditada documentalmente, mediante escrito dirixido á dirección do centro, ata dez días lectivos antes da sesión de avaliación correspondente á convocatoria, sen que entre as ditas causas poida figurar a falta de rendemento académico.
A dirección do centro, logo do informe da xefatura de estudos, resolverá o que proceda, nos cinco días lectivos seguintes ao da presentación da solicitude.
8. A presentación dunha solicitude de anulación de convocatoria fóra do prazo establecido no número anterior só poderá ser admitida por causa de accidente ou enfermidade do/da solicitante, ou causa de forza maior, que será, en calquera caso, xustificada documentalmente, e valorada pola dirección do centro.
9. A concesión de anulación de convocatoria pola dirección do centro implicará que a dita convocatoria se considere como non consumida polo/a solicitante, sen prexuízo dos criterios da permanencia nas ensinanzas superiores de Deseño establecidos nesta orde. Na acta de cualificación correspondente figurará a anotación AC (anulación de convocatoria).
10. A solicitude e obtención dunha convocatoria adicional ou dunha anulación de convocatoria por parte do alumnado non afectará o dereito de asistencia ás actividades lectivas periódicas programadas na disciplina correspondente.
11. Contra a decisión da dirección do centro en relación coa non concesión de convocatoria adicional ou de anulación de convocatoria, o alumnado poderá, no prazo de cinco días, interpor recurso de alzada perante a xefatura territorial correspondente, que resolverá segundo proceda.

Artigo 13. Permanencia
Non se poderá realizar matrícula na mesma especialidade durante máis de oito anos académicos nun centro oficial dependente da consellería competente en materia de ensinanzas artísticas superiores da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo das convocatorias adicionais ou anulacións de convocatoria que lle fosen concedidas. Para estes efectos computaranse todos os anos académicos en que o alumnado teña realizado matrícula, con independencia da eventual renuncia a esta, do número de disciplinas en que se teña matriculado e do número de créditos ECTS asociados a estas.