search


FAQS Acceso Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño

EASD_Web_171122.34

PREGUNTAS FRECUENTES ACCESO ÁS ENSINANZAS ARTÍSTICAS SUPERIORES DE DESEÑO

.
INFORMACIÓN XERAL

Que é unha EASD?
Unha EASD é unha Escola de Arte e Superior de Deseño.
En Galicia hai 4 Escolas de Arte e Superiores de Deseño de titularidade pública, dependentes da Xunta de Galicia:
• EASD Pablo Picasso, en A Coruña.
• EASD Mestre Mateo, en Santiago de Compostela.
• EASD Ramón Falcón, en Lugo.
• EASD Antonio Failde, en Ourense.

Que se pode estudar nunha EASD?
Nas Escolas de Arte e Superiores de Deseño pódense estudar:
• Ensinanzas Artísticas Profesionais (EEAAPP): Ciclos Superiores de Artes Plásticas e Deseño en distintas especialidades. (2 cursos, con prácticas en empresas e realización de obra final)
• Ensinanzas Artísticas Superiores (EEAASS) en Deseño: Titulacións superiores equivalentes a todos os efectos aos títulos de Grao universitarios. (4 cursos, con prácticas en empresas e Traballo Fin de Estudos)

Que Especialidades de Deseño se poden estudar na EASD Antonio Faílde?
Podes matricularte nas EEAASS en Deseño Gráfico e tamén nas EEAASS en Deseño de Interiores.

.
SOBRE A INSCRICIÓN NAS PROBAS DE ACCESO ÁS EEAASS DE DESEÑO

Podo inscribirme na EASD Antonio Faílde se non teño Selectividade?
Si. Para o acceso ás EEAASS de Deseño non é requisito ter realizadas nen superadas as probas de Selectividade, xa que o acceso a ditas Ensinanzas realízase a través dunha proba de acceso específica.

Se non teño aínda o bacharelato aprobado pero vou aprobar na convocatoria extraordinaria, podo acceder a estudar Deseño o vindeiro curso?
Si. Ao facer a solicitude de inscrició marcarás a opción: “Pendente o Título de Bacharelato”. Unha vez superado, deberás aportar a documentación na Secretaría da Escola antes de realizar as probas. Recomendación: no caso de que non esteas seguro/a de aprobar, tamén podes facer as probas de madureza.

Se non teño o título de Bacharelato, nen o vou ter, podo acceder a estudar Deseño o vindeiro curso?
Si. Se tes máis de 18 anos ou os cumpres neste ano, tes que inscribirte (no prazo establecido cando se publique a convocatoria) para facer as probas de madureza.

Se xa aprobei a proba de madureza en cursos anteriores, teño que volver facela?
Non. O certificado de ter superado a proba de madureza é válido para sempre; terás que entregar fotocopia cotexada no momento de facer a inscrición. Se traes a fotocopia e o orixinal na Secretaría te cotexan as fotocopias para entregar.

Se non teño bacharelato pero teño superada a proba de acceso a ciclo superior teño que presentarme á proba de madurez igualmente?
Si. A superación da proba de acceso a un ciclo de grao superior non exime da proba de madureza de acceso ás ensinanzas superiores, xa que se trata de ensinanzas de diferente nivel.

Se teño aprobada a proba de acceso en convocatorias anteriores, teño que repetir a proba este curso?
Si, as probas so teñen validez para a convocatoria do curso no que se convocan. Aínda que teñas a proba aprobada doutros anos, tes que inscribirte de novo e repetila.

Como podo facer a inscrición ás probas de acceso?
Podese facer por dúas vías:
1. Telemática: cubrindo o formulario dispoñible en www.edu.xunta.es/reximeespecial, e empregando o certificado dixital ou sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Para completar o proceso de inscrición, deberase presentar unha copia da solicitude xunto coa documentación requirida na secretaría de calquera das Escolas de Arte e Superiores de Deseño en horario de 9 a 14:00h.
2. Podes recoller, cubrir e entregar o impreso na Secretaría da EASD Antonio Faílde en horario de 9:00h. a 14:00h.

A entrega da documentación cumplimentada será únicamente na secretaría de calquera das Escolas de Arte e Superiores de Deseño en horario de 9 a 14:00h.
As persoas aspirantes que só dispoñan de pasaporte deberán realizar a inscrición só de maneira presencial.

Que debo indicar na solicitude?
Na solicitude deberanse indicar, por orde de preferencia e ata un máximo de 4 opcions:
– as especialidades que se desexan cursar (gráfico, interiores, moda ou producto). O primeiro curso é común a todas as especialidades e, no caso de que queiras cambiar en segundo curso, poderías facelo no caso de que houbera prazas dispoñibles.
– a EASD na que as desexas cursar (Coruña, Lugo, Ourense ou Santiago). É recomendable seleccionar máis dunha Escola, por se non se accede á elexida en primeiro lugar.

Que documentación hai que presentar ao facer a inscrición?
• Fotocopia do DNI, NIE ou pasaporte.
• Resgardo do abono das taxas segundo os modelos indicados na convocatoria.
• Fotocopia cotexada da documentación acreditativa que corresponda (Título universitario, de bacharelato, de técnico superior de artes plásticas..). Se traes a fotocopia e o orixinal na Secretaría cotexan as fotocopias para entregar.
• Certificado de proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.
• Certificado de ter superado a proba de madurez para maiores de 18 anos en convocatoria anterior.
• Documento acreditativo do grao de discapacidade.
• Documento acreditativo da condición de deportista galego de alto nivel.

Que título fai falta para poder optar ao acceso directo nas EEAASS de Deseño?
Un título Título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en calquera especialidade, como por exemplo os títulos de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Fotografía, Ilustración ou Ebanistería Artística que se imparten na Escola.

Se solicito o acceso directo, iso quere dicir que xa obteño praza?
Non. Soamente se ofertan un 20% das prazas para os que optan polo acceso directo. Tanto para os estudios de Deseño Gráfico como de Deseño de Interiores, ofértanse 20 prazas de novo ingreso, o que implica que haberá 4 prazas en Gráfico e 4 prazas en Interiores para os aspirantes que opten polo acceso directo.
No caso de que haxa máis solicitudes que prazas, o criterio de adxudicación, será en función da nota final do expediente académico do ciclo superior de Artes Plásticas alegado para o dito acceso directo.

Se estou a piques de obter o título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño, podo optar pola modalidade de Acceso directo? No caso de que só teña pendente a avaliación do proxecto final para a obtención do título.
Si, se aportas o título no momento de facer a matrícula.

.
SOBRE A REALIZACIÓN DAS PROBAS DE ACCESO

Cando me podo inscribir para facer as probas de acceso?
Non hai unha data fixa. Cada ano publícase a convocatoria na que se recollen as instrucións para o acceso e admisión do alumnado ás EEAASS de Deseño para o seguinte curso. Nesta convocatoria elaborase un calendario coas data límite para facer a inscrición e as datas de publicación de aspirantes admitidos.

Cando se fan as probas de acceso?
Na convocatoria de acceso xa ven indicada a data de realización das probas, de comunicación de cualificacións e de reclamacións. Como data aproximada, adoitan ser cara finais de xuño ou principios de xullo.

Onde van a ser as probas de acceso?
O lugar de realización publícase na convocatoria, aínda que polo xeral, adoitan ser na EASD Pablo Picasso (A Coruña).

Hai temario ou bibliografía para preparar as probas?
Para a parte específica non, pero podes descargar os modelos de probas de cursos anteriores nos seguintes enlaces:

.
Descargar Modelos de probas substitutivas do título de Bacharelato 2018 (Probas de madureza. Bacharelato)

Descargar Modelo de Exame Acceso EEAASS de Deseño 2018: Proba específica

.
SOBRE A MATRÍCULA NO CURSO

Despois de aprobar a proba de acceso e obter praza, teño que facer algo máis?
Si, tes que facer a matrícula na Secretaría da Escola na que obtiveches a praza, no prazo establecido na convocatoria de acceso e admisión do alumnado ás EEAASS de Deseño para o seguinte curso.

Se non obteño praza, pero estou na lista de espera, aínda teño posibilidade de poder matricularme?
Si, se as persoas que obtiveron praza non formalizan a matrícula en Secretaría, publicarase una nova lista de persoas que acadan praza e ábrese un novo prazo para que esas persoas se matriculen e así sucesivamente ata completar tódalas prazas ofertadas.

Canto custa a matrícula nas EEAASS de Deseño?
O importe da matrícula dependerá do número de créditos ECTS nos que te matricules. O importe dos créditos ven dado polo Ministerio de Educación, e para o pasado curso foi de 4.7 €/crédito.
Ademáis, no caso de ser menor de 28 anos, debes abonar o Seguro Escolar, que o curso pasado tiña un importe de 1.12€.
No momento de facer a matrícula, deberás aportar 3 fotografías tamaño carné.

Podo solicitar unha beca?
Si. A Beca hai que tramitala directamente dende a páxina web do Ministerio de Educación. No momento de facer a matrícula, deberás indicar se a solicitaches. E unha vez que saia a resolución coa concesión ou denegación, deberás informar á Secretaría da Escola.

Podo cursar o 1º curso nunha especialidade e solicitar o cambio a outra especialidade nos seguintes cursos?
Si, o primeiro curso é común a todas ás catro especialidades de deseño (Gráfico, Interiores, Produto e Moda) agás unha disciplina obrigatoria de especialidade. Unha vez rematado o curso, podes solicitar o cambio de especialidade ou o traslado de matrícula a outra EASD. A aceptación deste cambio está supeditado á promoción de curso (tes que aprobar o primeiro 1º curso da antiga especialidade) e á existencia de vacantes na nova especialidade.

.
SOBRE AS EEAASS DE DESEÑO

Podo acceder a facer unha estadía no estranxeiro cunha beca Erasmus?
Si. A Escola ten establecidos os convenios correspondentes polos que o alumnado pode solicitar unha beca Erasmus e facer parte dos seus estudos e/ou das prácticas nun centro no estranxeiro.

Vou facer prácticas en Empresas?
Si. No 4º curso, está prevista a realización da Formación en Centros de Traballo cunha carga horario de 250 horas. A Escola ten establecidos convenios con diversas empresas que acollen ao alumnado en prácticas. E tamén podes propor a empresa na que queres facer as prácticas e a Escola elabora o convenio correspondente.

Vou facer traballo Fin de Estudos?
Si. Para rematar os Estudos hai que presentar un TFE.

Que titulación acado ao rematar os estudos?
Ao rematar os estudos acádase unha titulación superior de nivel 2 (Grado) do MECES (Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior), equivalente a todos os efectos ás titulacións de Grao Universitario. Unha vez rematados os estudos, pódese solicitar o título na Secretaría, abonando as taxas correspondentes, que o curso pasado foron de 66,57€.

Onde podo atopar máis información?
Na páxina web da Escola podes consultar os plans de Estudos de cada especialidade e acceder á lexislación completa:

.
Plan Estudos EEAASS de Deseño