search


Goote

goote_ultravioleta_2

The Goote Project, a moeda distópica
Deseño: Enrique Raimúndez Fernández

Neste proxecto defínese o concepto, deseño gráfico e funcionalidade dunha moeda, nada da lectura de dúas novelas de ficción distópica: We (Yevgueni Zamyatin, 1921) e 1984 (George Orwell, 1948).

O Goote é a moeda oficial de Oceanía no ano 2036: Unha ferramenta de control para os recursos, distribuídos polo réxime totalitario e belicista do Well-Doer (Benfeitor), e dirixidos aos traballadores do Estado, que están designados baixo números, despersonalizados e carentes de liberdade individual. Todo en aras do feliz cumprimento dun dogma baseado no culto as máquinas, á ciencia, e á aplicación exhaustiva dunha matemática perfecta no cotiá.

Cada Goote (Good-Note) é fixado e regulado por un departamento de mesmo nome, e que forma parte do Miniplenty (Ministerio da abundancia), un dos catro ministerios nos que se articula o Estado.

Establécense os valores en función do ben ou servizo ao que refire cada Goote: Routeport, mobilidade territorial; Safestrong, seguridade e material doméstico; Infoknow, información e formación; Homeostasis, alimentación; e Restsonal, relacións íntimas. Estes valores responden á tipoloxía de cinco grupos nos que se dividen, xerarquicamente, as necesidades de Oceanía. Deste modo, abastécese eficientemente cada aspecto, a fin de manter ao Estado cohesionado e produtivo a través dos seus traballadores.

Por seguridade e funcionalidade, todos os billetes Goote inclúen estritas medidas de control; entre elas, dous niveis de lectura de información: Unha visible a simple vista (lugar de emisión, tipoloxía de ben ou servizo, e magnitude deste), e outra unicamente visible baixo luz ultravioleta (un díxito de control, e número beneficiario). A información que contén, implica que cada Goote é un documento persoal e intransferible.

Algúns aspectos do deseño, reflicten o tipo de ideoloxía imperante en Oceanía. Un exemplo é o símbolo monetario do Goote, que construído a partir da espiral como nexo entre natureza e matemática, é produto dunha evolución tipográfica do 79; número atómico do ouro (Au), e acepción científica deste metal como riqueza e valor de troco universal. Ou a enigmática sinatura do Well-Doer, o único elemento orgánico e trazado a man do documento, pero cun aspecto tan preciso e sintético, que parece mais propio dunha máquina.

De volta ao tempo actual, The Goote Project estuda a relación entre deseño e función dunha moeda (por extensión, tamén papel moeda); e como, ao variar o funcionamento e restricións por causas políticas ou sociais, mantéñense certos elementos que a definen inda como moeda. En menor medida, reflexiona sobre a progresiva transformación que sufriron os cartos; creados como medio comercial que facilitaba a igualdade entre pobos e convertidos, lentamente, nun fin en si mesmo que ademais semella ser un dos mais efectivos métodos de control da poboación.

En definitiva, ténta crear debate en torno a un elemento gráfico cotiá, tan arraigado e necesario na nosa sociedade que semella mesmo de orixe natural, polo que rara vez é reflexionada ou cuestionada a súa elaboración, forma ou función; pero que foi creado polo ser humano e, por tanto, podería ter adoptado outras características, inda posibles e ata necesarias.

The Goote Project é obra de Enrique Raimúndez, e foi un dos Proxectos Finais de Carreira presentados na EASD Antonio Faílde de Ourense no pasado curso, 2012 – 2013.

Mais información en www.thegooteproject.com

Escola: Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde, Ourense

http://www.infinitocromia.com/

goote_cor
goote_desenho
goote_feixos
goote_info
goote_rexistro
goote_trama
goote_expo_1
goote_expo_2
goote_ultravioleta_1
goote_ultravioleta_2
goote_sobre
goote_maleta