search


Centro das Salinas de Ullóo.

000 administración

Centro de interpretación e información das Salinas de Ullóo.
Estefanía Lusquiños. 2011.

Salinas de Ullóo é unha paraxe natural sita no concello de Vilaboa, en Pontevedra. Os antecedentes das Salinas de Ulloó remóntanse ao reinado de Felipe IV no século XVII no ano 1637. Comezaron a ser explotadas polo Colexio dos Xesuítas de Pontevedra en 1694 e acadaron grande importancia nos seguintes anos. Hoxe, este espazo está incluído na Rede Natura 2000 de Galicia, con singular vexetación atlántica, e refuxio para aves autóctonas e migratorias.

Nestes terreos de Ullóo atópase unha granxa na cal vivían os explotadores destas salinas, os Xesuítas, formada por dúas casonas de sillería de pedra de boa factura, as cales teñen de nexo de unión un gran muro perimetral formando un amplo patio interior con vexetación.

Neste ámbito desenrolarase un Centro de interpretación e información das Salinas de Ullóo, dando a coñecer a súa historia, centrándonos na sal, proceso de producción e elaboración; e mostrando a riqueza da paraxe natural.

Non cabe outra maneira máis que comezar este sendeiro interpretativo no mar. Punto no que nace o proceso productivo da salazón. O acceso ó contido físico interpretativo, o edificio, faise orientado por unha banda ó sol do leste, e por outra, ó lugar no que se encravan as salinas; de xeito que, a medida que os visitantes se dirixen ó edificio contemplan a paisaxe e asimilan a información adquirida.

Un dos elementos para potenciar é o xardín interior que se crea entre ambas casas que se enlaza co sendeiro nado no mar, xogando con unha liña orgánica e rompendo coa marcada xeometría da arquitectura, como evocación da auga, elemento que flúe, que da vida e conecta mar e arquitectura.

O centro preséntase en dous edificios con usos diferenciados. O acceso faise en continuidade co sendeiro ou “canal” que nos dirixe a entrada do edificio principal, e a medida que ascendemos podemos contemplar a fermosura natural das Salinas.

Ó edificio principal (298,56m2 ) estará destinado a un uso específico, relacionado intimamente co centro de interpretación en si, organizado en tres niveis, albergando zona de información, aseos, salas de exposicións permanentes e temporais, sala de maqueta, audiovisuais e aula multifunción para desenrolo de obradoiros e outras actividades;
O segundo edificio(237,43m2 ), dividido en tres espazos, estará destinado a un uso máis xeneralista e acollerá por un lado, a zona de administración, e por outro, salón de actos e cafetería, os cales poden ter un uso totalmente independente do centro de interpretación.

Á hora de afrontar o deseño tivéronse en conta conceptos como o de manter elementos de importancia histórica e cultural merecentes de preservarse, polo que nesas estancias a intervención será mínima, deixándoas case espidas, sendo elas mesmas o elemento expositivo. Por outra banda preténdese marcar a diferencia entre o volume existente e a nova intervención, como exemplo a cuberta, que seguindo o patrón da inicial, diferenciase polo material de cobertura, zinc, e pola súa colocación: elevada sobre dos muros existentes grazas á perfilería metálica HEB. Outros elementos a salientar son as zonas privadas, nas que se crearán volumes a modo de “caixa” que alberguen e marquen a privacidade destas , ó tempo que se diferencien da arquitectura que os contén. Finalmente, todos estes espazos teñen boa iluminación natural con ventás de tamaños variados, e portas a modo de ocos que permiten a comunicación interior-exterior e un sutil xogo coa entrada da luz que diferencia espazos.

En definitiva, 535,99 m2 de superficie construída repartida en dúas edificacións, con usos diferenciados e vinculados polos materiais: madeira de arce, lousas de granito, paneis de fibrocemento Viroc, pintura branca; xogos de altura nos teitos, de iluminación natural, relación interior-exterior do entorno e da edificación. Diferenciando elementos característicos da arquitectura existente como as lareiras, escaleiras de entrada e arco do edificio principal intervindo de maneira leve para resaltalos.